Historicismo - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | Y

Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.

Historicismo
Corrente de pensamento que xorde en Alemaña a finais do século XIX impulsada pola obra de W. Dilthey, a raíz da súa distinción entre as ciencias da natureza e as ciencias do espírito, baseada na distinción ontolóxica entre o mundo natural e o mundo histórico, ao que considera resultado da acción única e irrepetíbel dos seres humanos. Os feitos aos que tal acción dá lugar quedan vinculados ao contexto no que se produce, e á relación entre o pasado e o presente, únicos elementos que poden permitir a súa comprensión.

Dilthey oponse ás concepcións da historia dos románticos e dos idealistas, ao afirmar que as verdades e valores son relativos a cada época, e non a manifestación do Absoluto ou de calquera outra esencia universal, negando así toda finalidade última e transcendente da historia. W. Windelband, H. Rickert, G. Simmel, M. Wéber e O. Spengler, defenderon tamén posturas historicistas, en Alemaña, e B. Croce e A. Gramsci fixérono en Italia.

O historicismo influirá tamén noutras correntes filosóficas, como o existencialismo, a fenomenoloxía e a hermenéutica, sendo, polo contrario, duramente criticado e rexeitado polo estruturalismo e o neopositivismo.